mércores, 8 de abril de 2026

VISITA DE EVA MEJUTO

Hoxe tivemos a sorte de recibir no noso cole a Eva Mejuto, autora do libro Queco e Kika, dous cans aos que lles tocou vivir xuntos superando moitas dificultades e vivivndo moitas aventuras, unha lectura que os nenos e nenas de terceiro gozaron moito nas últimas semanas.

Durante o encontro, Eva contounos que a historia está inspirada en moitas vivencias e aventuras reais, e que os protagonistas, Queco e Kika, existen na realidade. Foi un momento moi emocionante cando nos ensinou fotos e vídeos no seu móbil, xa que puidemos coñecer mellor aos verdadeiros protagonistas da historia.

Os nenos e nenas preparáranse moi ben para esta visita. Antes do encontro, fixeron chapas relacionadas co libro, que levaron postas con orgullo durante toda a charla. Ademais, tiveron a oportunidade de facerlle moitas preguntas á autora, demostrando todo o que aprenderon coa lectura e a curiosidade que lles espertou a historia.

Ao rematar, Eva asinou os libros de todos os nenos e nenas, deixando un recordo moi especial deste día. Tamén nos contou unha novidade que nos fixo moita ilusión: xa está pensando na segunda parte da historia e mesmo nos pediu ideas, polo que quen sabe se algunha das propostas do alumnado aparecerá no próximo libro.

Nós tamén quixemos agradecerlle a súa visita cun detalle moi especial: agasallámoslle unha ilustración da portada do libro realizada na cortadora láser, feita con moito agarimo.

Foi unha xornada chea de ilusión, aprendizaxe e emocións, que quedará gardada na nosa memoria como unha experiencia moi especial arredor da lectura.

Moitas grazas, Eva, pola túa visita e por compartir con nós a túa historia!