domingo, 29 de xaneiro de 2023

DEGUSTACIÓN MENÚ EXIPCIO

 Este venres 27 de febreiro tivemos un dos nosos menús especiais enmarcados no noso PDI. Tocoulle o turno a Exipto e os pratos cos que nos deleitaron foron: de primeiro hummus e de segundo un saboroso arroz mashi. Coma sempre as colaboradoras coas tarefas do comedor apareceron co seu toque especial para a ocasión co que sempre conseguen darlle máis importancia e resaltar o menú dos días especiais. Moitas grazas polo voso gran de area! Aquí vos queda unha presentación con algunhas fotos.

martes, 24 de xaneiro de 2023

DÍA DA PAZ 2023

 Para celebrar o Día da Paz, os alumnos de sexto, que están a investigar sobre Xapón, dentro do PDI, van ler o libro "Sadako e as mil grullas de papel". Realizarán a lectura, e unha vez feita visionarán vídeos sobre a mesma e farán un obradoiro de papiroflexia para aprender a facer unha grúa de papel. Despois invitarán aos seus compañeiros de quinto a coñecer esta historia presentándolles o libro para que o coñezan e tamén o poidan ler. Na seguinte presentación pódense ver os vídeos sobre a historia e algún tutorial para a realización das grúas.


mércores, 18 de xaneiro de 2023

MOMIA LUMINOSA

 Na clase de proxecto competencial, os alumnos de primeiro realizaron un sinxelo circuíto eléctrico cun adhesivo conductor, unha pila que é o xenerador e dous díodos que ao iluminarse forman parte dos ollos dunha momia que xa aprendimos que son características do Antigo Exipto, país que estamos a traballar dentro do PDI deste ano. Fixémola por grupos e aquí podedes ver o resultado final dun dos grupos. 

MOCHILAS VIAXEIRAS EN MARCHA!

 Esta semana puxemos en marcha as mochilas e bolsas viaxeiras en todas as aulas de infantil e primaria. En infantil, primeiro e segundo levaron as mochilas, mentres que as bolsas destináronse para as clases de terceiro a sexto. Dentro ían cheas de diferentes materiais: lecturas en galego, castelán e inglés, revistas, cómics, poesías, un título para familias e un xogo de mesa. Tamén se inclúe un caderno no que os usuarios  (tanto alumnos como familias) que o desexen poidan deixar unha reflexión ou suxestión acerca da experiencia, a través de debuxos, textos, fotografías, etc... Todos os luns farase o intercambio para que todos a poidades desfrutar. Esperamos que sexa do voso agrado e que pasedes momentos moi agradables en familia. Na seguinte presentación podedes ver algunhas fotiños.

luns, 16 de xaneiro de 2023

ACTIVIDADES SOBRE ITALIA

 Os nenos e nenas de sexto de infantil seguen a traballar moito sobre Italia para aprender moitas cousas e ensinarllas a Leo, a nosa mascota da biblioteca. Na seguinte presentacón podedes ver as últimas que levaron a cabo: costruiron a Torre de Pisa con plastilina, simularon a Fontana di Trevi con lanzamento de moedas incluído e fixeron unha degustación de queixos típicos de Italia. Non deixedes de ver as fotos.

Terceira reunión LeoClub 3º e 4º

 O mércores 11 de xaneiro tivo lugar o terceiro encontro do LeoClub do grupo de terceiro e cuarto na biblioteca. Nesta reunión xa todos traían rematado o último libro que acordaron ler: "El Superzorro"  de Roald Dalh do que falaron un bo anaco. A continuación entre todos acordaron o seguinte título e desta vez tocoulle a Ledicia Costas de novo co título "Vampira de biblioteca" que xa leran os seus compañeiros e do que tan ben lles falaron. De seguro que neste grupo tamén vai ser un éxito! Por certo, temos un membro máis no grupo que se animou a formar parte desta linda aventura como é a lectura. Estamos encantados de que esta familia medre!.  Na seguinte presentación podedes ver algunhas fotos da sesión.

luns, 9 de xaneiro de 2023

Novidades de xaneiro

 Aquí podedes ver as novidades que xa están a vosa disposición na nosa biblioteca. Seguro que atopades moitas cousas do voso agrado.