O 27 de maio tal e como anunciaramos con anterioridade, a nosa biblioteca xa estaba preparada para a exposición final do Proxecto Documental Integrado (PDI) deste curso, na que todas as clases compartiron os traballos realizados ao longo do ano arredor dun tema que esperta a curiosidade e a imaxinación: o espazo.
Durante a mostra puidemos ver foguetes construídos nas aulas, cadernos de bitácora cheos de descubrimentos, constelacións e nebulosas creadas coas mans do noso alumnado, planetas recreados con detalle, achegas sobre Gustav Holst e a súa obra "Os planetas", xogos e robots, circuitos eléctricos, manualidades, disfraces e ata knollings literarios realizados en familia. Cada clase achegou a súa mirada particular, traballando contidos de xeito creativo, significativo e colaborativo.
Queremos destacar e agradecer profundamente a implicación das familias, que non só apoiaron o traballo d@s nen@s na casa, senón que tamén se achegaron á biblioteca para ver os resultados, preguntar, comentar e compartir momentos xuntos. A súa participación é fundamental para construír unha comunidade educativa viva, participativa e comprometida co proceso de aprendizaxe.
A biblioteca, unha vez máis, convértese nun espazo de encontro, de creación e de intercambio. Grazas por facelo posible.
Máis información e vídeos no noso INSTAGRAM


























