luns, 27 de febreiro de 2023

DEGUSTACIÓN MENÚ ESTADOS UNIDOS

O venres 24 de febreiro tocounos no menú un prato típico da cociña estadounidense: hamburguesa completa! Estaba deliciosa. Xa quixeran facelas así de ricas nos Estados Unidos. Moitas grazas coma sempre ao persoal de cociña tan implicados novamente. Na seguinte presentación podedes ver fotos deses momentos.

mércores, 22 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2023

 O 23 de febreiro é o Día de Rosalía de Castro e para conmemoralo realizaremos as seguintes actividades. Dende hai algunhas semanas todos os nenos do cole aprenderon na clase de música a canción "Rosalía" do grupo Viravai que se o tempo o permite a bailarán todos xuntos no patio. Tamén nos sumamos á iniciativa da fundación de Rosalía de Castro que propoñen a actividade "Un caldo de gloria". O 23 de febreiro no menú do comedor está programado un rico caldo e ademais as mesas estarán vestidas cos salvamanteis que solicitamos á asociación e que xa están no centro. Os alumnos de terceiro están a traballar o poema "Miña casiña meu lar" que inspirou a actividade "Un caldo de gloria" co que realizarán un vídeo que vos deixaremos aquí para que o vexades. Tamén vos  deixámos o vídeo da canción "Rosalía" do grupo Viravai cos debuxos que fixo o alumnado. Pola súa banda o equipo de Dinamización da Lingua teñen preparado un marcapáxinas conmemorativo desta data para todos.

Cantamos xuntos a canción de Rosalía do grupo Viravai
Ilustramos a canción Rosalía

Vídeo dos alumnos de 3º de Primaria que recitaron e debuxaron o poema 
"Miña casiña, meu lar"

Marcapáxinas realizados polo EDLG


Degustando o Caldo de Gloria no comedor cos salvamanteis da fundación de Rosalía de Castro.







Exposición de títulos sobre Rosalía de Castro na entrada da biblioteca.



ENTROIDO E PDI: DISFRACES PARA TODOS OS PAÍSES

Pouco a pouco o entroido foi chegando e ao longo de toda a semana moitas actividades se levaron a cabo no noso cole. Un ano máis o noso meco fixo acto de presenza coas súas mandas, desta vez vestido de turista xa que el tamén debeu andar de viaxe polo mundo como a nosa mascota da biblioteca a que lle estamos axudando a recuperar a memoria investigando sobre os diferentes países nos que estivo.


Outro día tivemos unha demostración de como se lanzan as olas típicas do noso entroido de Seixalbo.



Tamén recibimos a visita dalgunhas das figuras do entroido da provincia de Ourense coma o boteiro de Viana ou os galos da Mezquita.



E por fin o venres chegou o GRAN DESFILE no que tantos días levabamos traballando para lucir uns bonitos disfraces todos eles relacionados co noso PDI sobre países. Todos eses modelos encheron as rúas de seixalbo de cores e alegría xunto coa charanga que nos acompañou para amenizar a festa. Non faltou a pancarta abrindo o desfile e  ata a televisión de Galicia nos veu facer unha reportaxe que poidemos ver a mediodía no Telexornal. Deixámosvos aquí o vídeo da reportaxe e algunhas fotos da xornada.

ÁLBUM DE FOTOS DOS DISFRACES DO ENTROIDO 2023 

11 DE FEBREIRO DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA: PROXECTO SOBRE HIPATIA DE ALEXANDRÍA E MARIE CURIE

 Para conmemorar esta data sinalada os nenos e nenas de 1 º de primaria que están a investigar sobre Exipto dentro do PDI deste ano, comezaron un pequeno proxecto sobre Hipatia de Alexandría, primeira muller filósofa, astrónoma e matemática do mundo antigo. Para comezar viron un pequeno vídeo co que a través dun conto poden acercarse a súa persoa. Aquí volo deixamos. Tamén consultaron os libros que temos na biblioteca sobre Hipatia de Alexandría. Nos vindeiros días investigarán e realizarán un caderno con datos relevantes e incluirán ademais un circuíto en papel co que acenderán unha pequena luz en cada unha das páxinas do dosier. Podedes ver en imaxes as páxinas do dosier que terán que completar coa información correspondente. Cando estea rematado o traballo tamén volo amosaremos aquí.

















 
Este é o traballo rematado!


Pola súa banda os nenos e nenas de 3º que están a traballar Francia dentro do PDI, investigaron sobre a figura de Marie Curie e tamén elaboraron un traballo acerca da súa persoa e para elo consultaron os libros que temos na biblioteca sobre ela. O traballo inclúe un circuíto cun led que se acende en cada unha das páxinas. 

mércores, 15 de febreiro de 2023

Máis sesións do LeoClub

 Aquí vos deixamos as últimas sesións do LeoClub, a do 8 de febreiro de quinto e a do 15 de febreiro de sexto. Todos os membros do club moi contentos e animados coas súas lecturas. 


domingo, 5 de febreiro de 2023

Leoclub 6º-25 de Xaneiro

 

Día da Paz 2023. Unha viaxe pola Paz e "Sadako y las mil grullas de papel"

Para celebrar o día da Paz e vinculalo co noso PDI sobre países, elaboramos un mural con varios avións dos que caían maletas de cores que todos os nenos e nenas encheron con mensaxes de Paz. Titulamos o mural. "Unha viaxe pola Paz".

Outra actividade realizada foi a   dos nenos e nenas de sexto que están a traballar Xapón polo que fixeron a lectura de "Sadako y las mil grullas de papel" coa que se emocionaron moito. Por ese motivo decidiron recomendarlla aos seus compañeiros de quinto indo a súa clase a explicarlles de qué trata o libro e amosarlles un vídeo sobre o mesmo co obxectivo de animalos a lelo e que o queiran coller en préstamo na biblioteca. 

Os nenos do coro están aprendendo a canción de Antonio Flores "No dudaría" e quixeron cantala polos corredores a todos os compañeiros do cole.

Na seguinte presentación podedes ver fotos de cada unha das actividades.

Novidades febreiro 2023

 Aquí vos deixamos as novidades deste mes de febreiro. Agardamos que vos gusten!