Todo comezou o luns 19 de outubro. Nas aulas comezaron a aparecer cada día unhas imaxes/pistas xunto cunhas preguntas para respostar. Que estaba sucedendo? De quen eran esas probas e por que nolas deixaba?
O luns apareceu esta radiografía. De quen sería? Que lle pasaría? Houbo todo tipo de respostas: "É Leo que rompeu as ás polo peso dos libros", "É Leo que pillou as ás coa porta da biblio" "Leo enganchou as ás nunha árbore", etc...
O martes apareceu nas aulas unha analítica cuns valores un tanto estranos. O mércores un móbil cun rexistro de uso do mesmo moi preocupante. O xoves atopamos unha cita cun psicólogo. E o venres... unha foto de Leo con moi mal aspecto. Desde logo non se atopaba nada ben!! A foto de Leo ía acompañada dunha cita no salón ás 11:30 para coñecer o verdadeiro diagnóstico de Leo.
Así pois, o 23 de outubro xuntámonos todos e todas no salón de actos para descubrir qué lle pasaba a Leo, pero sobre todo o motivo era celebrar o Día das Bibliotecas, unha xornada moi especial coa que demos comezo a unha nova aventura arredor dos libros, a investigación e o coidado da saúde e do benestar, a través do noso PDI "Que ben se está cando se está ben".
A celebración comezou cunha introdución moi particular: os nosos presentadores de sexto anunciaron unha auténtica emerxencia libresca! O libro de Matemáticas pedira a baixa por estrés porque tiña demasiados problemas, o de Xeografía estaba desorientado e o de Educación Física levaba días sen moverse do sofá. Unha maneira divertida de descubrir que os libros tamén podían acompañarnos nesta aventura de aprender a coidarnos.
A continuación, chegou o momento da verdade: «O caso de Leo». Despois de varios días recibindo diferentes pistas nas aulas, por fin descubrimos que lle sucedía á nosa querida mascota da biblioteca. A través dun vídeo protagonizado polo doutor Botón (o noso can de Asistencia) coñecemos a situación de Leo e reflexionamos sobre a importancia de manter uns hábitos saudables, equilibrar o tempo de pantalla, descansar, alimentarnos ben, movernos e coidar as nosas emocións.
Esta historia serviu para abrir unha gran pregunta: que necesitamos para estar ben? Durante o curso investigaremos as diferentes dimensións da saúde: a física, a emocional, a mental, a ambiental e a dixital. Tamén aprenderemos a utilizar as pantallas con responsabilidade e a distinguir a información fiable das noticias falsas e da desinformación. Para esta tarefa contaremos cunha gran aliada: a biblioteca, onde os libros nos axudarán a formular preguntas, buscar respostas e descubrir novas ideas. Os exemplares que xa nos acompañan son só o comezo, porque ao longo do curso chegarán moitos máis recursos para seguir investigando.
A música tamén tivo o seu espazo nesta celebración. O noso coro interpretou «Cuídame», unha canción preparada con moita ilusión a pesar do pouco tempo de ensaio. A súa actuación emocionounos e lembrounos que coidar significa acompañar, escoitar, respectar e estar ao lado das persoas que queremos. Grazas a todos os nenos e nenas do coro polo seu esforzo e por regalarnos este momento tan especial!
E, como non podía ser doutra maneira, tamén anunciamos o regreso das mochilas viaxeiras, que a partir da próxima semana volverán percorrer as casas das familias do colexio. Dentro delas viaxarán libros, xogos e propostas para compartir tempo en familia, gozar da lectura e crear novos recordos arredor das historias.
Pero esta aventura non remata aquí. Ao longo do curso construiremos entre todos e todas o noso gran libro colectivo: «As mil maneiras de estar ben. Un libro para sentir». Cada neno e nena creará e decorará a súa propia folla, expresando aquilo que lle fai sentirse ben. As creacións iranse colocando na cortiza do hall da aula de música, formando pouco a pouco unha obra chea de cores, ideas e emocións. Porque cada persoa ten a súa maneira de estar ben e todas merecen un lugar neste libro.
Para rematar a xornada, o alumnado recibiu unha pegatina conmemorativa do Día das Bibliotecas que nos fixo a profe Mary. xunto cun díptico que fai as veces de cartilla de saúde e de álbum para coleccionar as pegatinas que reciban ao longo do curso, un pequeno recordo dunha celebración que marca o comezo de moitas experiencias compartidas.
E por suposto non podían faltar os maiores protagonistas desta celebración: OS LIBROS!! Durante toda a semana tivemos unha exposición na biblioteca con títulos propios desta conmemoración, e durante a celebración no salón de actos acompañounos unha escolma de títulos sobre o PDI.
Exposición na biblioteca
Exposición de títulos sobre o PDI no salón de actos
E non nos podemos olvidar da música do timbre!! Durante esta semana tamén nos recordou a importancia dos libros e das bibliotecas. Preme na imaxe para escoitar a canción.
Foi unha mañá chea de historias, música, sorpresas e ganas de aprender. Unha celebración para lembrar que a biblioteca é moito máis ca un lugar onde gardamos libros: é un espazo para descubrir, compartir, sentir e medrar xuntos.