luns, 26 de decembro de 2022

FESTIVAL DE NADAL SEIXALVISIÓN 2022


    O festival de Nadal deste ano tivo un formato diferente ao habitual pois o enmarcamos dentro do noso PDI "Recordos na maleta". Neste PDI, estamos a traballar sobre diferentes países (cada curso nun) para tentar aprender moitas cousas e poderllas ensinar de novo a Leo, a nosa mascota da biblioteca, que durante o verán estivo de vacacións en todos eses países, pero ao voltar caeulle un libro da biblioteca na cabeza o que lle produciu unha amnesia terrible e non recorda nada e da que estamos tentando axudalo a recuperarse. 

    Todos os países nos que estamos a traballar participaron neste I Certame de Seixalvisión, cada un cunha actuación referida ao país en cuestión. Como poderedes ver houbo moita variedade e diversidade de xéneros, dando lugar a un festival moi entretido e plural. Houbo xurado e todo! e seu veredicto foi que todos os países merecían ser gañadores. O xurado formado por tres profesoras do centro foron indicando as puntuacións de cada un dos países en inglés, francés e galego concedendo a todos os países a máxima puntuación!! 12 PUNTOS. Noraboa a todos. Por suposto, non faltaron as correspondentes bandeiras para animar a todos os participantes. 

Foi unha xornada moi divertida e emocionante. Damos as grazas a todos os que a fixeron posible e deixamos tamén aquí o noso agradecemento a Soraya Picouto Cid por realizar e ceder todas as grabacións de cada unha das actuacións. Moitas moitas grazas!

Na seguinte presentación podedes ver cada unha das actuacións. Pinchando no nome ou na bandeira iredes directamente ao vídeo.

mércores, 21 de decembro de 2022

DEGUSTACIÓN MENÚ ITALIANO

O venres 16 de decembro tivemos o segundo menú especial no comedor enmarcado no noso proxecto de centro "Recordos na maleta". Esta vez tocoulle o turno a Italia e os pratos cos que nos deleitou o persoal de cociña foi unha ensalada capresse e pasta á carbonara. Unha vez máis os colaboradores tiveron a iniciativa de vir ataviados para a ocasión cos seus sombreiros de cociñeiros. Moitas grazas a todos pola vosa implicación! Estaba todo moi rico! Aquí podedes ver as fotos da xornada. 

martes, 20 de decembro de 2022

Reunión LeoClub de 5º

 O mércores 14 de decembro reuniuse o club de lectura de quinto para falar e dar por rematada a lectura de "Escarlatina a cociñeira defunta" de Ledicia Costas. Intercambiáronse impresións sobre o mesmo e como remate todos fixeron á araña  Lady Horreur para levala de recordo e empregala como punto de lectura. E como non! ao remate da sesión tivemos un rico e doce momento! Aquí vos deixamos as fotos.


luns, 19 de decembro de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

Aquí vos deixamos as recomendación que o Equipo de Biblioteca preparou para o Nadal. Hai un pouquiño de todo: títulos en galego, castelán e inglés. Hai para primaria e para infantil e nos de infantil alún título para xogar, tocar e dubuxar. Esperamos que sexan do voso agrado!
 RECOMENDACIÓNS PARA PRIMARIA



RECOMENDACIÓNS PARA INFANTIL

Festival Seixalvisión

O vindeiro 22 celebraremos o noso festival de Nadal cun enfoque diferente. Formará parte no noso PDI sobre países titulado "Recordos na maleta" e consistirá nun certame semellante ao de Eurovisión, pero con características propias. Cada aula representará cunha actuación o país que está a traballar. Estades todos convidados a velo en directo. Será ás 11:00 da mañá no salón de actos. Aquí podedes ver o cartel co programa. Esperámosvos!


domingo, 11 de decembro de 2022

SOMBREIRO MEXICANO DE NADAL

 Na clase de tres anos estiveron investigando como se celebra o nadal en Mexico, o país sobre o que están a traballar dentro do PDI "Recordos na maleta". Gustoulles moito a decoración, as cancións e todo o que aprenderon, e por iso quixeron facer un sombreiro mexicano de nadal co que decorarán a clase estes días e co que logo felicitarán as festas as súas familias. Na seguinte presentación podedes ver as fotos desta actividade tan orixinal.

Actividades polo 25 N

 Para resaltar o 25 N (Día Internacional contra a violencia de xénero) levamos a cabo unha serie de actividades coordinadas polo Equipo de Convivencia que consistiron na elaboración dun mural conxunto no que se podía ver un gran lazo violeta e o seguinte lema: "A violencia machista parámola unidas" Arredor do lazo pegáronse as vestimentas típicas dos diferentes países que se están a traballar dentro do  PDI "Recordos na maleta". Tamén se levou a cabo o visionado e posterior debate do vídeo "Pepuka e o Monstro" do que tamén se realizaron debuxos sobre os protagonistas do mesmo. A música do timbre para destacar esta data era do grupo Dubbi Kids "No controles". Na seguinte presentación podedes ver todo o traballado con motivo da celebración deste día.

xoves, 8 de decembro de 2022

Reunión LeoClub

 Este mércores 7 de decembro, tivo lugar a segunda reunión do LeoClub de 3º e 4º. Deron por rematada a lectura de "Conexión Macarrón" de Ledicias Costas e decidiron a seguinte. Desta volta tocoulle o turno a " El Superzorro" de Roald Dalh. Quen logrará o seu propósito? Os granxeiros Bufón, Buñuelo e Benito, ou Superzorro? Aquí vos deixamos as fotos deste encontro.