domingo, 27 de novembro de 2022

DEGUSTACIÓN DE MENÚ MEXICANO

 Para levar a cabo o PDI do centro "Recordos na maleta" co que estamos axudando a Leo a recordar todo o que aprendeu no verán nos países que visitou nas súas vacacións, necesitábamos coñecer de primeira man como é a gastronomía deses lugares para explicárllela a Leo. Así pois, este venres 25 de novembro foi un día especial no comedor porque había un menú diferente. Era un menú mexicano co que o persoal de cociña  deleitou a todos os que quedan a comer no cole. Moitos probaron por primeira vez un rico guacamole con nachos e unhas quesadillas recheas de polo moi saborosas. Todos esperaban a chegada dese día que foi anunciado ao longo da semana na entrada ás aulas e para animar aínda máis ese momento  os colaboradores non dubidaron en vir ataviados con chamativos sombreiros mexicanos. Moitas grazas pola vosa implicación!! Sen vós sería imposible!

A continuación podedes ver algunha foto dese xantar especial.

Actividades do PDI "Recordos na maleta"

  Na seguinte presentación podedes ir vendo algunhas das actividades que se están a levar a cabo en cada un dos cursos a medida que investigan sobre os países correspondentes.


Pintando o mapa dos países que visitou Leo

Ao longo destas semanas os diferentes cursos foron pasando pola biblioteca para pintar no mapamundi o país que están traballando na súa aula e localizar e colocar a correspondente bandeira. Aquí vos deixamos algunhas fotos deses momentos.

luns, 21 de novembro de 2022

A EMBAIXADA DO BRASIL DEU RESPOSTA A NOSA CARTA

 Hoxe foi un gran día para nós!! Unha gran caixa chegou ao noso cole. Viña da embaixada do Brasil!! Fai pouquiños días que os nenos e nenas de catro anos lle escribiran unha carta ao embaixador pedindo materiais diversos sobre Brasil, xa que é o país no que están a traballar dentro do PDI "Recordos na maleta" que levamos a cabo este ano. A chegada este curso da súa compañeira Esther foi o motivo polo que se decidiron a aprender moito sobre Brasil e así axudar tamén a Leo, a nosa mascota da biblioteca, a recuperar a memoria. A sorpresa foi maiúscula. Dentro da caixa viñan moitísimas cousas: carteis grandes con preciosas fotos de Brasil, moitos libriños e contos, tarxetas postais, follas con manualidades, bolsas de algodón coa bandeira do Brasil e ademais unha carta marabillosa, totalmente personalizada chea de agarimo e sensibilidade!! Todos estamos encantados coa fantástica resposta desta embaixada e dende aquí lles damos as grazas polo interese que amosaron enviando tantos materiais. MOITAS GRAZAS! ESTAMOS ENCANTADOS!! Aquí vos deixamos algunhas fotos para que poidades ver o que recibimos.

domingo, 13 de novembro de 2022

Brincando con Paco Nogueiras polo Magosto

 Este venres 10 de novembro no Ceip de Seixalbo celebramos o magosto por todo o alto. Primeiro fixemos unha camiñata polo monte dos arredores do noso cole e ao chegar xa nos estaba esperando unha fogueira con castañas ben asadiñas das que demos boa conta.  Xa para rematar e facer unha boa dixestión bailamos e cantamos con paco Nogueiras que tamén nos levou de viaxe co seu disco Brinca Vai! Aquí podedes ver algunhas fotos da xornada. 


mércores, 9 de novembro de 2022

Primeira reunión do LeoClub 5º

 Hoxe o grupo de 5º de primaria celebrou a súa primeira reunión do club de lectura na que pasaron un rato moi agradable e entretido realizando xogos de expresión oral e de presentación/descripción aos compañeiros. Todos marcharon con ganas de máis e co seu libro "Escarlatina a cociñeira defunta"  de Ledicia Costas na carpeta para comezar a aventura da lectura na casiña. Aquí podedes ver unhas fotos da sesión.

Saímos no xornal!

 Ademais de na tele, hoxe o noso proxecto saen tamén no xornal "La Región".

                        

luns, 7 de novembro de 2022

ESCRIBIMOS ÁS EMBAIXADAS!

Algunhas titorías xa se están poñendo en contacto coas embaixadas  dos seus correspondentes países para solicitarlles información. A través desta actividade aprendemos que se algunha vez nos atopamos noutro país diferente ao noso, se temos calquera problema sempre atoparemos onde nos poidan axudar, porque para iso son as embaixadas, uns edificios nos que veremos a bandeira do noso país e persoas dispostas a axudarnos.Tamén aprendemos a redactar unha carta formal, algo que cada vez se fai menos grazas a inmediatez da tecnoloxía.  Agora toca agardar con emoción o momento en que nos contesten. Iso tamén é unha aprendizaxe, sobre todo hoxe en día que todo vai tan rápido!
Nesta clase de 6º de infantil entenderon moi ben o que é unha embaixada, e senon mirade o vídeo! Tamén vos deixamos as fotos doutras cartas que xa se ecribiron, como as de 4º de infantil, 3º de primaria, 5º de Educación Infantil, e a que escribiu César de 5º de E.P.














martes, 1 de novembro de 2022

SAÍMOS EN TELEVISIÓN!!

 A televisión local da nosa cidade "Telemiño" interesouse polo noso PDI e viñeron facer unha reportaxe que emitiron este sábado  29  de outubro. Aquí podedes ver o vídeo.


Novidades e exposicións

Este mes temos as novidades do noso PDI "Recordos na maleta" expostas na biblioteca para poder utilizalas cando se queiran ao longo do ano. Deixámosvos tamén un panel dixital con todos os títulos para que os vexades mellor.